As oficinas dos servizos municipais ampliarán os seus horarios a partir do 2 de novembro para mellorar a atención aos veciños. Anunciouno a Alcaldesa, Emma Álvarez

Lourenzá, 26 de outubro de 2012. A partir do vindeiro venres, día 2 de novembro, as oficinas do Concello de Lourenzá ampliarán os seus horarios. Anunciouno a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen explicou que “co ánimo de achegar a administración local aos nosos veciños e ampliar os servizos que dende o Concello lles ofrecemos decidimos ampliar o horario de apertura ao público de distintas oficinas vinculadas a trámites administrativos”.

Nas oficinas municipais o novo horario será de oito da mañá a tres da tarde. “Desta maneira amplíanse 30 horas de atención ao público mensuais”, manifestou a rexedora municipal, quen tamén comentou que “o horario de biblioteca seguirá sendo, como de costume, de cinco a oito da tarde”.

En canto ás dependencias de Servizos Sociais, que está situadas no Torreón dos Frades, Emma Álvarez, salientou que “terán un novo horario, desde as nove da mañá ata as tres da tarde, co que tamén se ve ampliada considerablemente a apertura para o público”.

A alcaldesa tamén explicou que “outro dos servizos que se amplía considerablemente, máis de 20 horas mensuais, é a Oficina de Rehabilitación e Punto de Información Catastral, pois o novo horario será de 9 da mañá a 3 das tarde e os martes e xoves tamén estará aberto de catro e media a sete da tarde. Esta era unha demanda importante posto que moita xente que se achega ao Concello a buscar as súas referencias catastrais pedíanos que tamén houbera unha apertura polas tardes para que puidera facer os seus trámites neste horario”.