OS ALUMNOS DO OBRADOIRO DE EMPREGO SERRA DA CADEIRA II ACONDICIONAN O ENTORNO DA FONTE DA CLARA, EN SAN ADRIANO. A ALCALDESA E O CONCELLEIRO DE OBRAS SUPERVISARON OS TRABALLOS

Lourenzá, 13 de novembro de 2015. Os alumnos do obradoiro de emprego Serra da Cadeira II están acondicionando o entorno da fonte da Clara, na parroquia de San Adriano. Estes traballos foron supervisados pola alcaldesa, Rocío López García, e polo concelleiro de Obras, Carlos Rivas Rivas.

A rexedora municipal explicou que “esta é, entre outras moitas, algunha das actuacións que se están levando a cabo con este obradoiro de emprego aquí, no concello de Lourenzá. A finca na que se encadra esta fonte presentaba certo estado de abandono e estaba toda cuberta de maleza. Eran os propios veciños do lugar os que se encargaban de limpala para poder acceder as inmediacións da fonte a coller auga. As obras que se fixeron consistiron nun desbroce e rasanteo do terreo para a súa posterior sementeira con céspede e adecuación e limpeza da fonte e das escaleiras de acceso á mesma”. 

A alcaldesa cualifica de “moi positivos este tipo de obradoiros, xa que son unha vía para que moita xente desempregada poida recibir unha formación profesional que lle permita adquirir as habilidades propias dun oficio e acceder así de xeito máis fácil ao mundo laboral. Ó mesmo tempo este tipo de obradoiros son un instrumento de colaboración cos concellos, xa que permiten actuar de xeito máis eficiente e optimizar mellor os recursos dos que dispoñemos. Son moitas as actuacións que se poden levar a cabo, todas elas orientadas á mellora dos servizos e da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

OS ALUMNOS DO OBRADOIRO DE EMPREGO SERRA DA CADEIRA II ACONDICIONAN O ENTORNO DA FONTE DA CLARA, EN SAN ADRIANO. A ALCALDESA E O CONCELLEIRO DE OBRAS SUPERVISARON OS TRABALLOS