UNHA AVOGADA EXPLICARÁ ÓS PROPIETARIOS DO MONTE PRO INDIVISO DE CANEDO COMO ACCEDER Ó DIÑEIRO QUE REDE ELÉCTRICA PAGARÁ POLO PASO DA LIÑA BOIMENTE-PESOZ. A XUNTANZA SERÁ O DÍA 9 DE AGOSTO ÁS 21:00 HORAS

Lourenzá, 30 de xullo de 2013. Unha avogada experta en temas forestais explicará ós propietarios do monte pro indiviso das Louseiras, en Canedo, como acceder ao diñeiro que a empresa Red Eléctrica pagará polo paso da liña Boimente-Pesoz. A xuntanza será o día 9 de agosto, venres, ás 21:00 horas.

O pasado 22 de xullo tivo lugar unha charla informativa sobre a liña eléctrica Boimente-Pesoz ó seu paso polo concello de Lourenzá, na que moitos veciños se deron conta de que eran propietarios dun monte pro indiviso no lugar de Canedo. Como sinala a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, “daquela reunión sacamos a conclusión de que para poder acceder ó diñeiro que Red Eléctrica pagará pola expropiación dese terreo terían que, se como todo apunta é un monte de varas, constituírse como tal. Por este motivo, quedamos por parte do Concello en traer a algún experto para que nos falase do tema e estará con nós o vindeiro día 9 de agosto, venres, ás 21:00 horas Pilar Orol, que é unha avogada experta en temas forestais, polo que nos parece a persoa idónea”.

Para que teña a máxima difusión posible, explica a rexedora, “vamos colgar na páxina web do Concello un listado cos 145 propietarios que o eran no ano 1926, cando se fixo esta partición vía xudicial, para que todas aquelas persoas que estean interesados en saber se son descendentes de algún deses propietarios poidan mirar se os seus antepasados figuran nesa relación de nomes”. Así, espera que o venres 9 de agosto haxa o maior número posible de veciños que sexan propietarios ou teñan unha parte neste monte pro indiviso das Louseiras.

Descargar Repartición de Montes de Canedo (PDF)