XESÚS VÁZQUEZ ABAD INAUGURA A MOSTRA ‘FERNÁNDEZ DEL RIEGO, COS OLLOS DO ESPRÍTO’ NO CONCELLO LUCENSE DE LOURENZÁ

Lourenzá (Lugo), 2 de novembro de 2013. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a exposición ‘Fernández del Riego, cos ollos do espírito. Centenario do nacemento 1013-2013’, que estará aberta ata o vindeiro día 15 nas dependencias do concello lucense de Vilanova de Lourenzá.

Vázquez Abad destacou que “na conmemoración do centenario dun dos máis insignes galeguistas históricos, como é Francisco Fernández del Riego, creo que debemos amosar unha manifestación clara de continuidade respecto da súa obra, e da obra de todas as grandes figuras que, coma el, estruturaron a proxección de Galicia, afirmaron a súa base e deseñaron empresas que nos converteron nun país do tempo presente, capaz de dialogar con calquera cultura en paz, na integración e na igualdade”.

Así o conselleiro resaltou que “na Consellería de Cultura e Educación, como parte do goberno de Galicia, sentímonos debedores dese extraordinario legado, que medrou durante unha centuria coa teimosía creadora e a súa paciencia” e engadiu que “buscamos o cumprimento satisfactorio desta pasaxe: a que nos leva á confianza colectiva e ao desenvolvemento da nosa potencia de construción, xurdida da vontade integradora e da aceptación de que en cada rostro hai algo marabilloso para o conxunto da comunidade”.

Tras a intervención de Vázquez Abad desenvolveuse unha charla coloquio, no propio salón de actos da sala do concello, sobre a figura do escritor na que se darán a coñecer distintas facetas de Ferández del Riego, desde a humana, familiar, literaria e académica. Un coloquio no que participaran, entre outros, o laurentino Manuel Román Ramos, coautor de libro sobre o homenaxeado e Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol.

 

O contido da exposición

A mostra ‘Fernández del Riego, cos ollos do espírito. Centenario do nacemento 1013-2013’, desenvolvida pola Fundación Penzol conta o apoio e respaldo da Consellería de Cultura e Educación permitirá aos visitantes acceder a materiais singulares: documentos fundacionais de Galaxia, cartas con diversos autores, o mecanoscrito da referencial ‘Historia de la literatura gallega’ (asinado, por certo, en 1947, aínda que a obra non vería luz ata 1951), numerosas instantáneas do laurentino con diversa xente de letras e, por suposto, un outro vídeo documental que completa a información dos varios paneis.

A exposición, que poderá ser visitada ata mediados de mes en Lourenzá unha vez que xa estivo aberta en Vigo e Santiago de Compostela, esta comisariada por María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira e coordinada por Xosé Manuel Soutullo coa axuda de Mercedes Rosón.