ACIAL E O CONCELLO ORGANIZAN UN CONCURSO INFANTIL DE POSTAIS PARA CELEBRAR O DÍA DA NAI. O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE TRABALLOS NA BIBLIOTECA MUNICIPAL REMATA O DÍA 25 DESTE MES

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) e o Concello organizan un concurso infantil de postais para celebrar o Día da Nai co lema Unha postal para mamá. O prazo de presentación dos traballos na Biblioteca Municipal remata o día 25 deste mes.

Nas bases do certame explícase que “poderán participar tódolos nenos e nenas ata os 14 anos de idade; establécense dúas categorías: ata os 8 anos e de 9 a 14; a temática das postais fará alusión ao Día da Nai, pois consistirá nunha postal de felicitación por esa celebración; os traballos presentaranse como se fose unha postal (nun folio ou cartolina tamaño A4 dobrado pola metade), na parte de diante levará un debuxo, collage, …. e na parte interior poderá levar un poema ou unha dedicatoria. Na parte de atrás da postal irá o nome e apelidos do autor ou autora, a idade e un número de teléfono de contacto; a técnica para a realización do traballo é libre: debuxo a lapis, rotuladores, pinturas de cores, ceras, acuarela, collage, ...”.

Tamén se indica que “o premio consistirá en dous vales de compra de 30 euros (un para cada categoría) para gastar nos comercios asociados da ACIAL de Lourenzá. Os traballos gañadores colgaranse na páxina da ACIAL xunto co nome do seu autor. O prazo límite de presentación das postais será o luns 25 de abril na Biblioteca Municipal. O xurado estará composto por 2 membros da área de Educación do Concello de Lourenzá, 2 representantes da directiva da ACIAL e 1 representante do CEIP Juan Rey, de Lourenzá. O fallo do xurado darase a coñecer o 1 de maio, día no que tamén se fará a entrega de premios. Os gañadores serán avisados por teléfono. Os traballos presentados poderanse ver no Concello de Lourenzá ata o día 9 de maio. A partir do día 13 dese mes os traballos non premiados poderán recollelos os seus autores na Biblioteca Municipal”.

ACIAL E O CONCELLO ORGANIZAN UN CONCURSO INFANTIL DE POSTAIS PARA CELEBRAR O DÍA DA NAI. O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE TRABALLOS NA BIBLIOTECA MUNICIPAL REMATA O DÍA 25 DESTE MES