A ALCALDESA ANIMA AOS VECIÑOS A ASISTIR Á CHARLA INFORMATIVA SOBRE O TRAZADO DO CAMIÑO DE SANTIAGO AO SEU PASO POLO MUNICIPIO, PORQUE DESA XUNTANZA SAIRÁN AS ALEGACIÓNS QUE PRESENTARÁ O CONCELLO. SERÁ MAÑÁ, MARTES, ÁS OITO DA TARDE

Lourenzá, 21 de outubro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anima aos veciños a asistir á charla informativa sobre o trazado do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, porque desa xuntanza sairán as alegacións á delimitación que presentará o Concello. Será mañá, martes, ás oito da tarde e participará o subdirector xeral de Patrimonio, da Xunta de Galicia.

“Dende o Concello de Lourenzá animamos a todos os veciños que se vexan afectados pola nova variante do Camiño de Santiago a que mañá ás oito da tarde veñan aquí, ao salón de actos da Casa do Concello, para asistir a unha charla na que se vai explicar de xeito pormenorizado o trazado por parte do subdirector xeral de Patrimonio, Juan Naveira, e tamén por Marcial Rodríguez, técnico redactor do proxecto”, manifestou hoxe a rexedora municipal.

Emma Álvarez destaca que “é moi importante que acuda o maior número de xente posible, posto que en función do que aquí se fale as alegacións do Concello van ir nunha ou noutra dirección, sempre de acordo co que os veciños pensan”.