A ALCALDESA ASISTE Á FEIRA INTERNACIONAL DE TURISMO DE MADRID PARA APOIAR A PROMOCIÓN CONXUNTA DA MARIÑA. EMMA ÁLVAREZ PARTICIPARÁ NA PRESENTACIÓN DUN NOVO VÍDEO SOBRE A COMARCA, NO QUE APARECEN OS PRINCIPAIS ATRACTIVOS DO MUNICIPIO

Lourenzá, 23 de xaneiro de 2014. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, asiste á feira internacional de turismo Fitur, en Madrid, para apoiar a promoción conxunta da Mariña. A rexedora participará esta tarde na presentación dun novo vídeo sobre a comarca, no que aparecen os principais atractivos do municipio laurentino.

“Hoxe ás catro da tarde no stand de Galicia en Fitur presentarase A Mariña lucense como un destino turístico. Coa miña presenza aquí estou apoiando que temos que ir conxuntamente a vender todo o que temos na Mariña de Lugo para ser un atractivo para os turistas. De nada sirve que vaiamos de xeito individual vendendo, por exemplo no meu caso, as bondades do concello de Lourenzá cando neste municipio un turista non ten cabida para quedarse unha semana. Polo tanto o que tratamos de conseguir vendendo A Mariña toda nun conxunto é que o visitante poida achegarse á nosa costa privilexiada e coñecer tamén os encantos do interior”, explicou Emma Álvarez.

A alcaldesa engadiu que se presentará “un vídeo promocional duns dous minutos e medio de duración, onde Lourenzá ten un lugar destacado, tanto o Pazo do Tovar como as fabas ou a igrexa e o interior do mosteiro de San Salvador”.

lourenza