A ALCALDESA DESTACA O ÉXITO DA XXIV FESTA DA FABA A PESAR DO MAL TEMPO QUE HOUBO O SÁBADO POLA TARDE. VENDÉRONSE 6.504 QUILOS DE FABAS E REPARTÍRONSE 975 RACIÓNS NAS DEGUSTACIÓNS

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, destacou hoxe o éxito de público na XXIV edición da Festa da Faba, que rematou onte á noite, a pesar do mal tempo que houbo o sábado pola tarde. A rexedora explicou que se venderon 6.504 quilos de fabas nos mercados e nas degustacións repartíronse un total de 975 racións.

“Dos 6.504 quilogramos de fabas de fabas vendidos, 3.405 comercializáronse no mercado ao por maior e 3.099 nas casetas. E nas degustacións realizadas na carpa repartíronse 975 racións de fabas cociñadas de tres maneiras: con callos, con setas e con bacallau e grelos. As tres especialidades, preparadas polos cociñeiros laurentinos Jorge López e Xe Redondas, estaban riquísimas, polo que os felicito polo seu traballo”, comentou Emma Álvarez, que gabou a colaboración da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) nas degustacións.

A alcaldesa tamén destacou que no mercado de fabas ao por maior “a faba branca vendeuse a 6,25 euros o quilo, un prezo algo superior ao do anterior mercado dominical. E resulta sorprendente que nas casetas da faba branca se venderan 1.445 quilos da fresca e 1.060 da seca. Iso quere dicir que o consumidor cada vez máis quere a faba fresca para despois conxelala e evitar así ter que poñela a remollo durante o día antes de cociñala”.

Emma Álvarez rematou agradecendo “o traballo do persoal do Concello, que estivo pendente de que todo se desenvolvese segundo o previsto”.