A ÁREA RECREATIVA DA CAZOLGA ACOLLEU UNHA XORNADA DE CONVIVENCIA PARA CELEBRAR O PECHE DO CURSO NO PAI MENIÑOS, DE LOURENZÁ

Lourenzá, 1 de agosto de 2014. O Concello puxo onte o punto e final ao curso do Punto de Atención á Infancia (PAI) Meniños, de Lourenzá. Fíxoo celebrando unha xornada de convivencia cos nenos que formaron parte deste centro educativo no curso 2013/2014. Os cativos de 0 a 3 anos, acompañados por familiares e as coidadoras, puideron gozar dunha tarde repleta de actividades na área recreativa da Cazolga.

A concelleira de Educación e Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, estivo presente no acto e afirmou que “onte os nenos usuarios do PAI Meniños de Lourenzá gozaron dunha xornada de convivencia para poñerlle o peche a este curso escolar. Como ven sendo habitual nos últimos anos, escolleuse a área recreativa da Cazolga, onde nos xuntamos ao longo de toda a tarde, para levar a cabo distintas actividades. Houbo xogos, música, unha merenda conxunta para fomentar máis ese acto de convivencia; e, por último, como acto máis simbólico da tarde, houbo unha especie de graduación onde se lles entregaron as orlas e diplomas aos nenos que para o vindeiro curso pasan xa ao colexio e abandonan o centro despois de tres anos nel”.

Flórez comentou: “coma concelleira de Educación estiven presente neste acto e quería aproveitar para desexarlles unhas felices vacacións a todos os usuarios, así como informarlles ás familias que neste mes de agosto aproveitamos para darlle as vacacións ao persoal de centro e ás coidadoras. Tamén quería adiantar que, por outra parte, neste mes de agosto levaremos a cabo o proceso de desinfección para que as instalacións estean nun correcto estado de hixiene ao inicio do vindeiro curso. A actividade do centro retomarase o día 2 de setembro, xa que o luns día 1 é festivo local en Lourenzá despois das festas patronais do Conde Santo. Retomamos por tanto o día 2 no horario habitual de 8 da mañá a 8 da tarde”.

A concelleira aproveitou a ocasión para “animar a aquelas familias que tendo fillos de 0 a 3 anos aínda non son usuarias deste servizo. Anímoos a pasar polas dependencias municipais para recibir información do funcionamento do PAI de Lourenzá de cara ao novo curso, 2014-2015”.