A CHARLA SOBRE O TRAZADO DO CAMIÑO DE SANTIAGO NO MUNICIPIO SERÁ O VINDEIRO MARTES, DÍA 22, ÁS OITO DA TARDE. CONFIRMOUNO O SUBDIRECTOR XERAL DE PATRIMONIO CULTURAL QUE PARTICIPARÁ NO ACTO. TRAS A XUNTANZA O CONCELLO PREPARARÁ AS ALEGACIÓNS Á DELIMITACIÓN

Lourenzá, 16 de outubro de 2013. A charla informativa sobre o trazado do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio de Lourenzá, organizada polo Concello, será o vindeiro martes, día 22 de outubro ás oito da tarde. Confirmoullo hoxe á alcaldesa, Emma Álvarez Chao, o subdirector xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Juan Naveira, que participará no acto. Despois da reunión o Concello preparará as alegacións á delimitación.

“A charla prevista para falar sobre o Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Lourenzá será o vindeiro martes, día 22, ás oito da tarde. Nesta charla Juan Naveira estará acompañado por Marcial Rodríguez, que é un técnico que participou na redacción do proxecto de delimitación do Camiño Norte, que está a exposición pública e ata o día 3 de novembro hai prazo para facer alegacións”, anunciou hoxe a rexedora municipal.

Emma Álvarez tamén explicou que na reunión “aparte de explicar o novo traxecto e os cambios que sufre ao pasar por Lourenzá tamén se vai falar dos beneficios e dos inconvenientes que ten que un ben de interese cultural como o Camiño Norte pase ao carón das nosas casas ou das nosas leiras. Unha vez escoitemos ao subdirector xeral e tamén ao redactor do proxecto abrirase un coloquio para que as persoas interesadas poidan resolver as súas dúbidas”.

Ademais a alcaldesa deu a coñecer que “a partir desa charla faremos as alegacións que consideremos oportunas. Dende o Concello de Lourenzá estanse barallando tres, que en función de como se desenvolva a charla do vindeiro martes farémolas conxuntamente cos veciños ou de xeito individual por parte do Concello”.