CONCLUÍRON AS OBRAS DE RESTAURACIÓN DA RA SITUADA NA PRAZA DO CONDE SANTO. O TRABALLO FOI REALIZADO POLA LAURENTINA ANA BELÉN BARREIRA, QUE ESTÁ MOI SATISFEITA POR FACER ESA LABOR

Lourenzá, 7 de agosto de 2014. Concluíron as obras de restauración da ra situada na praza do Conde Santo, de Lourenzá. O traballo foi realizado pola laurentina Ana Belén Barreira Oural, de Manualidades Edra, que está foi satisfeita por facer esa labor.

“Foi un traballo moi laborioso e complicado polo estado de deterioro da peza, pero cun resultado moi satisfactorio para min. Comezamos coa limpeza e logo coa retirada de pinturas anteriores, descubrindo así a cor orixinal, que foi a que lle demos. Logo refixen as pezas que faltaban, como dedos e procedín a pintala. A maiores fixemos unha imitación de pedras no fondo da charca para facela máis natural e démoslle unha cor ao selo do Concello, que está no fondo da charla, para adecualo un pouco ao que se vai aprobar despois do cambio que se fixo. E unha vez rematados estes traballos os operarios do Concello conectáronlle a auga e a luz para que volva a funcionar como antigamente”, explicou Ana Belén Barreira.

A restauradora comentou tamén que “como todos os laurentinos, e os que non o son tamén, estou moi apegada á ra e teño moitos recordos subida nela porque todos temos unha foto na ra. Por iso foi xenial para min que me tocara darlle ese novo aire, porque desde nena sempre tiven esa iniciativa de pintar. Entón agora foi como unha cousa un pouco incrible para min”.