A DEPUTACIÓN DE LUGO REXEITA ACEPTAR A TRANSFERENCIA DA ESTRADA COÑECIDA COMO CAMIÑO A PESAR DA SOLICITUDE APROBADA POR UNANIMIDADE NO PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE LOURENZÁ, DECISIÓN QUE É CRITICADA HOXE POLA ALCALDESA

Lourenzá, 6 de novembro de 2013. A Deputación de Lugo rexeita aceptar a transferencia da estrada coñecida como Camiño A a pesar da solicitude do Concello de Lourenzá aprobada por unanimidade no pleno da corporación municipal. O deputado provincial delegado da Área de Xestión Territorial, Manuel Martínez, comunicou ao Concello que non toma en consideración ese acordo. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, critica hoxe esta decisión do goberno da Deputación.

“Acabamos de recibir unha comunicación da Deputación de Lugo na que o delegado de Xestión Territorial, o socialista Manuel Martínez, dinos que non toma en consideración o acordo plenario da corporación municipal do noso Concello acadado por unanimidade logo de presentar unha moción conxunta os tres grupos políticos o pasado 16 de agosto. Nese acordo adoptado instábamos á Deputación de Lugo a eliminar a cláusula 4ª do borrador remitido ao Concello con data 10 de maio do presente ano para a transferencia mutua de vías, para o que nos piden pouco menos que facer de novo o Camiño A, que é a estrada CP-2802”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “tamén lle pedíamos á Deputación de Lugo asinar o convenio coa modificación mencionada no punto anterior no prazo máximo dun mes, transcorrido dende a data de finalización da obra executada por Augas Galicia na estrada denominada Camiño A. Por parte do Concello unha vez que se remataron as obras que estaba facendo Augas de Galicia na ponte de Sendín comunicámolo á Deputación de Lugo e xa pasou máis dese mes. Aos tres grupos políticos que estamos representados no Concello de Lourenzá e que encabezamos aquela moción conxunta parecíanos esaxerado e fóra de lugar as esixencias impostas, xa que viñan a rachar con fin último que se pretendía ao inicio das negociacións, no ano 2005”.

Para a alcaldesa de Lourenzá “isto vén a demostrar a falta de sensibilidade e o trato sectario que teñen os socialistas na Deputación de Lugo para os concellos que non somos da mesma cor política. Ademais pon de manifesto a falta de comunicación entre o PSOE laurentino e o PSOE provincial, xa que non foron quen de conseguir que o goberno da Deputación de Lugo, e concretamente o deputado Manuel Martínez, fora sensible ás peticións feitas dende o Concello de Lourenzá e que responde a unha demanda conxunta de todos os veciños e veciñas do noso concello”.

Ademais Álvarez Chao anunciou que “este asunto debaterase nun pleno da Deputación de Lugo, a proposta do grupo provincial popular, polo que pedimos o apoio do grupo provincial nacionalista, que xa nos manifestou noutras ocasións, posto que o grupo municipal do BNG é sincero e respectuoso con este tema, que cremos que, despois de 8 anos dende que se iniciou, é de xustiza materializalo coa firma do convenio proposto”.

A rexedora lembrou que “isto naceu no ano 2005, cando esta vía que foi feita pola concentración parcelaria se viu como unha prolongación da estrada provincial LU-122 e o Concello víase imposibilitado para proceder ao seu mantemento dado o elevado custo que supoñía. A CP-2801, que é a estrada da Deputación que vai dende Santo Tome ata O Mazo, pasaría a ser de titularidade do Concello nun tramo dun quilómetro a cambio de que eles aceptaran estes 2,8 quilómetros. Así o recolle o pleno do 13 de marzo do ano 2006, no que se acordou a aprobación do dobre cambio de titularidade adoptado por unanimidade pola Deputación de Lugo con data 27 de febreiro do 2006. Ademais o Concello de Lourenzá urbanizou o tramo que asumiu, con distintas axudas, algunhas delas incluso con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación de Lugo, organismo que cobrou tanto a particulares como ao propio Concello o importe de licencias de obra, tamén fixo o mantemento de vexetación lateral e colocou os puntos quilométricos, que posteriormente o propio ente provincial retirou. Tamén existe un informe da Deputación de Lugo no que se comunicou que se rexenerara na primeira quincena de agosto de 2006 o 80 por cento do tramo en cuestión e que se propoñía, con cargo a cando houbera posibilidades orzamentarias, ampliar a sección dese camiño”.

Emma Álvarez rematou aclarando que: “nós non pedimos que melloren esta estrada nin que a fagan máis ancha; simplemente queremos que cumpran o acordo plenario da Deputación de Lugo do ano 2006, os distintos acordos plenarios do Concello de Lourenzá e que, dunha vez por todas, dean por finalizado este proceso e firmemos o convenio que poñería fin a ese cambio de titularidade entre o ente provincial e o municipal”.