ENTROU EN VIGOR ONTE A ORDENANZA SOBRE O USO E APROVEITAMENTO ESPECIAL DAS VÍAS PÚBLICAS E ESPAZOS MUNICIPAIS. O SEU INCUMPRIMENTO PODE SUPOÑER MULTAS DE ATA 100.000 EUROS

Lourenzá, 10 de setembro de 2013. Despois de publicarse no Boletín Oficial da Provincia do pasado sábado, día 7 de setembro, entrou en vigor onte, luns, a ordenanza do Concello de Lourenzá sobre o uso e aproveitamento especial das vías públicas e espazos de titularidade municipal, que regula a carga e transporte de madeira e outras actividades extraordinarias nas estradas do Concello. O seu incumprimento pode supoñer multas de ata 100.000 euros.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “o máis destacable desta ordenanza é a necesidade de pedir autorización para distintas actividades, como é o caso do uso das vías municipais para a carga e transporte de madeira así como calquera outra actividade que de xeito extraordinario se realice por esas estradas e afecte ao seu estado ou conservación; e tamén para o depósito da madeira ou outros materiais nas vías ou espazos públicos. Para iso esta ordenanza, no artigo 17, obriga a comunicar perante o Concello as cortas de madeira que se realicen e que para a súa saca utilicen vías de titularidade municipal, así como calquera outra actividade que de xeito extraordinario se realice por estas estradas. Esta comunicación debe facerse antes de que se inicie a actividade e débese presentar unha copia do permiso, autorización, comunicación ou notificación de que se trate xunto con varios datos, como poden ser o titular ou titulares das fincas, os datos do empresario madeireiro, a data ou período previsto para a realización do transporte, as previsións de toneladas a extraer, localización da finca, lugar de depósito, camiños e vías que vaia utilizar, a relación de vehículos que se van usar no transporte e a declaración responsable de reposición dos danos; e o interesado, tamén na súa declaración, entenderá que as vías públicas a utilizar atópanse en perfecto estado agás que achegue unha reportaxe fotográfica coa que demostre que xa se atopan deterioradas”.

A rexedora engadiu que “ao mesmo tempo a persoa que comunica e solicita o uso destas vías de titularidade do Concello ten que ingresar un depósito ou unha fianza na tesourería municipal co obxecto de responder do arranxo dos danos que se puideran producir nos viarios municipais e tamén para a limpeza dos restos das operacións de depósito e carga de madeira que non foran reparados voluntariamente. A contía que recolle a ordenanza para este val é de un euro por metro lineal para os camiños que non están asfaltados e de dous euros por metro lineal para os que si o están e que teñen a consideración de estrada. A devolución da fianza será esixida por parte do titular da empresa madeireira e no prazo dun mes, tras a inspección do servizo técnico municipal, ordenarase a súa devolución pertinente ou requirirase ao titular para que execute as reparacións que o técnico municipal considere precisas”.

Emma Álvarez rematou explicando que tamén se regulan “as infraccións e sancións para aquelas persoas que non fagan o que está estipulado nesta ordenanza. E para o caso precisamente da tala de madeira sería considerado como unha infracción leve e o artigo 21 fixa os importes das sancións en relación á lei 33/2003 do 3 de novembro do patrimonio das administracións públicas por aplicación da potestade sancionadora, recollida no artigo 44, apartado 2, do regulamento de bens das entidades locais, aprobado polo Real Decreto 1.372/86. Polo tanto, ao ser considerado unha falta leve, a multa podería acadar ata 100.000 euros”.

Descargar ordenanza