A EXPOSICIÓN SOBRE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO INAUGURADA O PASADO SÁBADO PODERÁ VERSE NA CASA DO CONCELLO ATA O DÍA 17 DESTE MES. A ALCALDESA, EMMA ÁLVAREZ, DESTACA O AMPLO CONTIDO DESTA MOSTRA

Lourenzá, 4 de novembro de 2013. A exposición sobre Francisco Fernández del Riego inaugurada o pasado sábado poderá verse na Casa do Concello de Lourenzá ata o día 17 deste mes, domingo. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, destaca o amplo contido desta mostra.

A rexedora municipal lembrou que “o 3 de novembro do ano 2001 o pobo de Lourenzá, vila natal de Francisco Fernández del Riego, nomeouno fillo predilecto do noso concello. O pasado sábado, día 2, a corporación municipal considerou oportuno recordar ao noso ilustre galeguista nunha data que para el foi importante. Os actos que levamos a cabo ese día enmarcámolos dentro da programación anual que facemos este 2013, ano dedicado á figura de don Paco por coincidir co centenario do seu nacemento. Naquel ano 2001 presentábase ademais un libro biográfico sobre este galeguista, Vivir unha vida, inaugurábase unha sala co seu nome na biblioteca pública municipal e incluso descubriuse un busto do homenaxeado na Travesía da Mariña, que hoxe está situado na praza principal do noso pobo”.

Emma Álvarez comentou que “este pasado sábado, día 2, o acto foi bastante máis sinxelo pero axudounos a manter vivo o espírito do galeguista máis universal e que foi un embaixador do noso concello aló por onde pasou. Primeiramente procedemos á inauguración oficial da exposición Francisco Fernández del Riego, cos ollos de espírito. Centenario do seu nacemento, para a cal tivemos o pracer de contar co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e coa comisaria da exposición, Dolores Cabrera Iglesias, que nos explicou o contido da mesma”.

A alcaldesa explicou tamén que “esta exposición forma parte dunha que xa se inaugurou o 8 de xullo no colexio de Fonseca, en Santiago, e que se puido ver ata o 31 de agosto. Aquela mostra, Unha obra para un país, conmemoraba dúas efemérides: por unha parte, o centenario do nacemento do noso don Paco e, por outro lado, o cincuentenario da Fundación Penzol. A parte da exposición centrada na figura de don Paco, que se puido ver na capela gótica do colexio de Fonseca, é a que temos aquí, no noso concello, e que teremos aberta de luns a venres ata o vindeiro día 15 de cinco a oito da tarde. Tamén estará aberta o domingo 17, de 12 a 14 horas, para que a xente que non pode vela pola semana poida visitala ese domingo”.

Ademais Álvarez Chao relatou que “a continuación da inauguración desta exposición, que conta cun amplo contido e incluso recrea o lugar cotián de traballo de don Paco, tivemos un coloquio, que foi moderado pola concelleira de Cultura e no cal participou Manuel Román, amigo de don Paco que nos levou a coñecer máis sobre a súa figura e tamén o seu matiz máis familiar: falounos da súa nai, tamén dos seus irmáns e de como todos eles eran un piña. Por outro lado, o director da Fundación Penzol, don Paco Domínguez, falounos do gran labor que fixo Francisco Fernández del Riego polas letras e pola cultura galega. E por último estivo con nós Xosé Luis Anxemil, que dende un punto de vista máis académico e institucional recordounos toda a obra que fixo don Paco dende a fundación da Editorial Galaxia como da Fundación Penzol”.

“A conclusión á que chegamos é que tivemos a honra de ver nacer a un ilustre galeguista, a unha persoa irrepetible, que pese a vivir nunha época difícil (primeiro a guerra, despois a posguerra, a Transición e a democracia) sempre loitou polos seus valores e grazas a el existe unha gran documentación que todos os galegos temos á nosa disposición xa non soamente a través da Fundación Penzol senón tamén noutros organismos, mesmo incluso aquí na nosa biblioteca municipal, grazas a unha cesión que el mesmo fixo en vida”, rematou a rexedora municipal de Lourenzá.

lourenza del riego

lourenza del riego

lourenza del riego

lourenza del riego