LOURENZÁ CELEBROU HOXE OS ACTOS CULTURAIS PARA CONMEMORAR O DÍA DE GALICIA EMPEZANDO CUN MINUTO DE SILENCIO E COAS BANDEIRAS A MEDIA ASTA EN SINAL DE DUELO POLAS VÍTIMAS DO ACCIDENTE FERROVIARIO DE SANTIAGO

FÍXOSE A RUTA LITERARIA DEDICADA A FERNÁNDEZ DEL RIEGO E LEUSE O MANIFESTO QUE PROCLAMARA O ILUSTRE ESCRITOR LAURENTINO EN 1931.

Lourenzá, 25 de xullo de 2013. Os actos culturais organizados polo Concello de Lourenzá para conmemorar o Día de Galicia celebráronse hoxe, aínda que empezaron cun minuto de silencio e coas bandeiras da Casa do Concello a media asta en sinal de duelo polas vítimas do accidente ferroviario ocorrido onte en Santiago de Compostela. Fíxose a ruta literaria dedicada a Francisco Fernández del Riego e leuse o manifesto que proclamará o ilustre escritor laurentino no ano 1931 dende o mesmo lugar onde se levou a cabo este acto.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “pese a estar decretado loito oficial e que hoxe é un día moi triste para todos os galegos pareceunos oportuno facer a ruta literaria e ler o manifesto, tal como tíñamos programado, posto que non foi un acto festivo, senón cultural e estaba convocado todo o pobo”.

Despois de gardar un minuto de silencio realizouse a ruta literaria en homenaxe a Francisco Fernández del Riego con paradas en lugares emblemáticos da vida do ilustre escritor laurentino de cuxo nacemento se cumpriron cen anos o pasado 7 de xaneiro, polo que o Concello lle dedica este ano 2013.

Ao rematar a ruta celebrouse o segundo acto da xornada, que foi a lectura do manifesto que proclamara Fernández del Riego dende o balcón da actual Casa do Concello no ano 1931. Así o lembrou hoxe no inicio do seu discurso a rexedora municipal: “Non sabemos a hora, ou polo menos eu non a sei, pero estamos no mesmo día e no mesmo lugar que Paco de Amada, con tan só 18 anos, no 1931 elixiu para ler un manifesto en defensa da nosa patria, que ata o día de hoxe non é público. Grazas ao legado que Don Paco fixo a Fundación Penzol podemos recrealo hoxe aquí”.

Emma Álvarez tamén lembrou que o 25 de xullo de 1931 Fernández del Riego izara a bandeira de Galicia, que “hoxe, por desgraza, está a media asta”. Engadiu que “hoxe, Don Paco, dende algún lugar do universo estou segura que se sente orgulloso posto que, 82 anos despois, escoitou en galego, como a el lle gustaría, o manifesto que el mesmo escribiu en prol da nosa patria”, documento que está escrito en castelán polas circunstancias que se daban naquela época, como explicou Manuel Román. O encargado de recrear hoxe o manifesto foi o laurentino Miguel Ángel Gavín e o himno galego foi interpretado polo profesor de gaita da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez, Jorge Castro.

E a alcaldesa rematou o acto comentando que “hoxe Don Paco volveu facer patria, aínda que sexa un día moi triste”.

concello lourenza