LOURENZÁ PARTICIPARÁ NO MACROENTROIDO QUE SE CELEBRARÁ EN SANTIAGO ESTE DOMINGO ORGANIZADO POLA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA, NO QUE PARTICIPARÁN OS CARNAVAIS MÁIS FAMOSOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA

Lourenzá, 4 de xaneiro de 2014. Lourenzá participará no macroentroido que se celebrará en Santiago de Compostela este vindeiro domingo, día 9 de febreiro, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia, evento no que participarán os Carnavais máis famosos da comunidade autónoma. O Concello e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá (ACIAL) darán a coñecer o desfile do Domingo de Piñata e os atractivos do municipio.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “o vindeiro domingo, día 9 de febreiro, o concello de Lourenzá estará presente no macroentroido que organiza a Axencia de Turismo de Galicia para promover os entroidos galegos. O Domingo de Piñata de Lourenzá estará acompañado de carnavais tan importantes e declarados como festa de interese turístico como os dos Xenerais, Vilaboa, Portas de Galicia, Xinzo de Limia, Maceda ou Manzaneda”.

A rexedora municipal de Lourenzá engadiu que o obxectivo da participación neste evento “é promover o noso desfile e con iso tamén dar a coñecer o concello” e explicou que “para acceder a este macroentroido contamos coa colaboración da asociación de comerciantes local”.

“Non soamente estaremos presentes cos típicos folletos e a información que poidamos ofertas aos touroperadores que, dende tódolos puntos de España e tamén do exterior, se van concentrar en Santiago para coñecer os entroidos que se celebran en Galicia. Nós levaremos un produto típico do noso concello, que son os mazapáns, un doce que se acostuma a facer en tódolos fogares do concello de Lourenzá. Gravamos un vídeo para que, ademais de poñelos á venda para que os poidan degustar as persoas que se acheguen ao stand do Domingo de Piñata de Lourenzá, tamén se vai explicar como se elaboran a través dese vídeo. Ademais levaremos algún disfrace dos máis impactantes que houbo nos últimos anos aquí no Domingo de Piñata. E, por suposto, para participar no desfile que percorrerá varias rúas do concello de Santiago (San Francisco, Obradoiro, Fonseca, Vilar, O Toural, Praza das Praterías, …) botamos man da charanga Os Macanudos, de Barreiros, que dende a súa constitución é asidua ao Domingo de Piñata de Lourenzá”, comentou Emma Álvarez.

Ademais a alcaldesa salientou que “pretendemos dar a coñecer unha forma diferente de Entroido, posto que os outros, que están declarados de interese turístico galego e que estarán presentes nesta cita, teñen unha transcendencia histórica. O noso Entroido tamén é importante e é unha forma diferente de vivir esta festa en Galicia. Ten unha traxectoria histórica tamén, posto que dende principios do século se acostuma a facer, primeiro bailes o Domingo de Piñata e dende a década dos 90 vense facendo un desfile polas rúas do pobo que cada vez atrae a máis participantes e visitantes de sitios dispares. Eu recordo que concretamente hai dous anos un dos grupos gañadores veu dende Xinzo de Limia a participar no noso Entroido. Entón o obxectivo de ir a Santiago é para que vexan un Entroido diferente en Galicia e que aquelas persoas que queiran vir pasar a Galicia a época de Entroido poidan iniciala en concellos do interior de Ourense, onde teñen unha tradición histórica e cunhas figuras que xa teñen a súa entidade, e poidan rematar no Entroido de Lourenzá o domingo posterior ao martes de Carnaval”.

A rexedora rematou explicando que o desfile que está previsto facer en Santiago o vindeiro domingo “sairá ás once da mañá da avenida de Xoán XXIII e percorrerá distintas rúas de Santiago para rematar no Obradoiro ás doce e cuarto aproximadamente. Despois das intervencións das autoridades, como o presidente da Xunta e a secretaria xeral de Turismo, na Praza do Obradoiro estarán colocadas as jaimas con tódolos Entroidos participantes, entre eles o de Lourenzá, e cada un fará un espectáculo nun palco central”.

Declaracións Alcaldesa (MP3)

lourenza