O CONCELLO ABRIU O PRAZO PARA QUE OS FABEIROS QUE QUEIRAN PARTICIPAR NOS MERCADOS DOMINICAIS POIDAN FACER OU RENOVAR O SEU CARNÉ NAS OFICINAS MUNICIPAIS

Lourenzá, 10 de setembro de 2014. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe a apertura do prazo para que todos os produtores de faba da Mariña que queiran vender nos mercados dominicais de Lourenzá poidan facerse co seu carné de fabeiro ou renovalo no caso de que xa contasen con el. Os interesados poderán facelo nas oficinas municipais de 08:00 a 15:30 horas, ata o vindeiro 30 de setembro. 

Emma Álvarez explicou que “iniciamos o prazo para renovar o carné de fabeiros  tendo en conta que o domingo día 21 de setembro empezan os mercados dominicais. Por iso facemos un chamamento a todas aquelas persoas que teñan o carné doutros anos e queiran renovalo. Poderán pasar polo Concello de 08:00 a 15:30 horas. A renovación deste carné ten un custe de 2,08 euros e as persoas que xa o teñan simplemente deberán traer o anterior para selalo de novo. As persoas que queiran facelo teñen que traer unha fotocopia do DNI e unha fotografía recente para poder obter o seu carné”.

A alcaldesa laurentina subliñou que “o obxectivo de que sigamos a insistir na necesidade de ter este carné é para ter un control sobre as fabas que se venden no noso mercado. Así sabemos que son fabas que se producen na área de influencia da Identificación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá. Temos que recordar que a maiores temos o concello de Riotorto, que se ben non está dentro desta Identificación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, si hai un acordo dos produtores de Riotorto coa IXP para que as fabas dese municipio tamén se poidan vender aquí nos mercados dominicais”. 

A rexedora recordou que “este ano, ao igual que o pasado, só haberá un recinto e só van poder acceder a el aqueles fabeiros que teñan o carné. Polo tanto, todos aqueles que sexan da zona da Mariña e queiran vender as súas fabas no mercado de Lourenzá, agradecémoslles que pasen polo Concello antes de día 30 de setembro para facer de novo ou renovar o seu carné de fabeiro”.  

AdxuntoTamaño
Bando Lourenzá Renovación Carnés de Fabeiros 20141.35 MB