O CONCELLO DE LOURENZÁ ASINOU HOXE CO BISPADO UN CONVENIO DE CESIÓN PARA REHABILITAR O MOSTEIRO DE SAN SALVADOR CON FONDOS CONCEDIDOS POLO GOBERNO CENTRAL

O Concello de Lourenzá asinou hoxe, mércores, un convenio co Bispado de Mondoñedo-Ferrol para rehabilitar o mosteiro de San Salvador cunha subvención concedida polo Goberno central.

A alcaldesa, Rocío López, explicou: “hoxe pola mañá asinamos un convenio de cesión co Bispado dunha parte do mosteiro de San Salvador; concretamente ese acordo inclúe o claustro maior, todas as dependencias situadas en torno a ese claustro principal, o coñecido como Torreón dos Frades tamén e máis o Campo dos Bolos. Con esta cesión o Concello poderá beneficiarse das subvencións dentro do Plan Nacional para o Turismo do Xacobeo, do Goberno central, polo cal ao mosteiro de San Salvador destínanse 2 millóns de euros. Entón as intervencións serán nese claustro principal do edificio e en todas dependencias que ten”.

A rexedora municipal engadiu que “este convenio que se asinou co Bispado ten unha duración de 29 anos e hoxe é para Lourenzá un día especial, histórico e para celebrar xa que sentamos as bases e colocamos esa primeira pedra que nos permitirá conseguir a rehabilitación dese patrimonio histórico que temos no noso concello e destinalo a futuros usos, algo que é moi positivo para o noso municipio e para todos os laurentinos”.

Rocío López tamén anunciou que “onte, previo a esta firma, celebrouse un pleno extraordinario e urxente da corporación municipal, no que se tratou a aprobación do borrador deste convenio e hai que destacar que todos os grupos políticos (PSOE, PP e BNG) votamos a favor. Entón é importante salientar esa confluencia e ese interese e preocupación que temos todos os grupos por marcar esa folla de ruta e ter ese obxectivo común que é a rehabilitación do noso mosteiro”.