O CONCELLO PRESENTOU HOXE A XVIII EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA FESTA DA FABA CUN PREMIO DE 500 EUROS PARA O GAÑADOR. OS INTERESADOS PODEN ENTREGAR ATA O 22 DE SETEMBRO OS SEUS TRABALLOS

Lourenzá, 31 de xullo de 2014. O Concello de Lourenzá presentou hoxe a súa XVIII edición do Concurso de Fotografía Festa da Faba para este ano 2014. Os traballos poderán presentarse, por correo ou en persoa, nas oficinas municipais ata o día 22 de setembro. As fotografías deberán basearse na temática Terras da Faba e o gañador recibirá un premio de 500 euros. No acto de presentación estiveron a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez; o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Reigosa, e a concelleira de Cultura e Turismo, Lupe Flórez.

Lupe Flórez explicou que “este ano a Festa da Faba vai a celebrarse os días 4 e 5 de outubro e coma en edicións pasadas temos un premio de 500 euros nesta XVIII Edición do Concurso de Fotografía Festa da Faba, que resulta bastante suculento para aquelas persoas interesadas en participar, xa que nos certames próximos non temos ningún da entidade económica deste concurso.” A concelleira de Cultura laurentina destacou que “seguimos a manter a temática da edición anterior, que é a de Terras da Faba, na que se poden incluír todas aquelas fotografías que sexan representativas e recoñecibles de distintos concellos da Mariña Lucense onde se produce a faba de Lourenzá. Non estamos restrinxindo a temática á área do noso propio concello nin da propia produción da faba senón que estamos ampliando a temática a toda A Mariña, concretamente aos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove”.

Flórez comentou que “dende o Concello pensamos que esta apertura de temática dá posibilidades para que participe un maior número de xente, xa que é moito máis amplo o abano de persoas que se moven nestes concellos que restrinxíndoo só ao noso concello de Lourenzá”.

A responsable da Concellaría de Cultura engadiu que “o prazo de entrega este ano vai a ser ata o 22 de setembro e van poderse dirixir os traballos tanto persoalmente ás oficinas municipais como por vía postal. No caso dos traballos que cheguen a través de vía postal imos considerar a data do cuño tope o 22 de setembro, co cal poden chegar en días posteriores a ese día marcado, pero sempre imos ter en conta esa data do cuño. As bases van a estar colgadas, coma en edicións anteriores, na páxina web do Concello de Lourenzá, www.concellodelourenza.es, e as dúbidas poden ser resoltas chamando ao teléfono 982.12.10.06”.

Descargar bases en PDF