O CONCELLO PROGRAMA ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS O VINDEIRO LUNS EN VILANOVA E O MARTES NO PAZO DE TOVAR

Lourenzá, 12 de maio de 2016. O Concello de Lourenzá conmemora o Día das Letras Galegas con actividades que se celebrarán o vindeiro luns en Vilanova e o martes no Pazo de Tovar.

A alcaldesa, Rocío López, anunciou hoxe que “o Concello de Lourenzá programa, para conmemorar o Día das Letras Galegas, unha serie de actos cos que busca render homenaxe ás nosas letras e ó autor homenaxeado: Manuel María, o poeta da Terra Cha. Os actos comezarán o luns, día 16 de maio, con dúas actividades dirixidas especialmente ó público infantil: ás seis da tarde, dentro do programa Ler Conta Moito, da Xunta de Galicia, levarase a cabo ás seis da tarde no salón de actos municipal o espectáculo titulado Babacontos con Manuel María. Da man da actriz Larraitz Urruzola os nenos e nenas gozarán dunha sesión de contos e poesías de Manuel María. Empregando as ferramentas da narración oral tradicionais coñecerán poemas contidos no libro Os soños na gaiola nas súas versións cantadas e o conto Bigote de Mimí. Ó remate, sobre as sete da tarde, levarase a cabo a entrega dos premios do certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2016, que na súa fase local organiza a Biblioteca Municipal de Lourenzá. Así mesmo os asistentes poderán visitar a exposición dos debuxos realizados polos participantes no certame mencionado anteriormente, que leva por título Canta bichería.”

A rexedora municipal engadiu que “o martes, 17 de maio, os actos levaranse a cabo no Pazo de Tovar. Ás sete e media da tarde inaugurarase a exposición Imaxinando Cantares Gallegos, cedida polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, que permanecerá no Pazo durante un mes. Ó seu remate sobre as oito da tarde, os e as laurentinos poñerán a súa voz nun recital poético dedicado a Manuel María”.

En canto á exposición Rocío López explicou que “28 artistas galegos ilustraron, a través de 33 pezas, os versos da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, para conformar a mostra Imaxinando Cantares Gallegos, que é unha inmellorable oportunidade para redescubrir unha das obras fundamentais de Rosalía de Castro ao tempo que se goza da obra de distintos artistas galegos. Entre as ilustracións que se poden ver na exposición, realizadas con diferentes técnicas creativas, atópanse recreacións de poemas como Has de Cantar, Adios ríos, adios fontes ou Airiños, airiños, aires.”

O CONCELLO PROGRAMA ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS O VINDEIRO LUNS EN VILANOVA E O MARTES NO PAZO DE TOVAR
O CONCELLO PROGRAMA ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS O VINDEIRO LUNS EN VILANOVA E O MARTES NO PAZO DE TOVAR