O DÍA DE GALICIA CELÉBRASE MAÑÁ EN LOURENZÁ COA LECTURA DUN MANIFESTO QUE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO PROCLAMOU NO CONCELLO NO ANO 1931. TAMÉN SE REPETIRÁ O ROTEIRO LITERARIO QUE O 17 DE MAIO NON PUIDO FACERSE DEBIDO AO MAL TEMPO

Lourenzá, 24 de xullo de 2013. O Día de Galicia celébrase mañá en Lourenzá coa lectura dun manifesto que o escritor laurentino Francisco Fernández del Riego proclamou no concello no ano 1931. Tamén se repetirá o Roteiro Literario, que o pasado 17 de maio non puido facerse debido ao mal tempo.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, anunciou que “o acto de mañá, Día de Galicia, 25 de xullo, consiste principalmente na lectura dun manifesto inédito practicamente ata os nosos días que permanecía custodiado na Fundación Penzol e que Don Francisco Fernández del Riego lera no propio concello dende o balcón da casa consistorial no ano 1931 tal día como o de mañá. Dito manifesto chegou a nós a través dos representantes da Fundación Penzol, que nos mandaron unha copia, xa que eran eles os que o custodiaban practicamente dende a data na que Don Paco lle dera lectura nun momento inicial”.

Posteriormente, indica Flórez Seivane, “soará o himno galego e pensamos que é unha oportunidade única para que os laurentinos se acheguen e coñezan esas verbas que Don Paco dixo naquelas datas e que cobran significado na actualidade, que cobran vida de novo. Nesta ocasión daralle lectura un veciño laurentino, Miguel Ángel Gabín, colaborador habitual en actos que organiza o Concello, de maneira altruísta”.

A edil tamén explica que “previo á lectura do mesmo, ás once da mañá, retomaremos o Roteiro Literario que na data das Letras Galegas, o 17 de maio, tivera que realizarse no salón de actos por causas meteorolóxicas. Nesta ocasión contamos facelo no exterior, como inicialmente estaba previsto. Tamén queremos facer extensiva a invitación a toda a xente que desexe acompañarnos para que comparta con nós os textos de Don Paco nos sitios ós que fai referencia na vila laurentina”.