A OFICINA MUNICIPAL DE INFORMACIÓN XUVENIL ASESORA E TRAMITA AS SOLICITUDES PARA PARTICIPAR EN ACTIVIDADES DE VERÁN ORGANIZADAS POLA XUNTA

A Oficina Municipal de Información Xuvenil asesora e tramita as solicitudes para participar en actividades de verán organizadas pola Xunta de Galicia.

O Concello de Lourenzá explica que “a Consellería de Política Social ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: de carácter cultural, ambiental, deportivo, de tempo libre, de voluntariado... que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o seu enriquecemento persoal e vital. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pretende facer realidade este obxectivo a través da Campaña de verán 2016. Así mesmo, en aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, na presente campaña de verán as mozas e mozos galegos con discapacidade, en función das limitacións que presenten, poderán decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión. A campaña de verán está composta por diferentes áreas de participación, que se desenvolven nos meses de xullo e agosto, tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas e no estranxeiro”.

Ademais engade que os campamentos “son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais. As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto. Podes escoller o campamento que queiras en función da túa idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades de diversa temática en función do campamento (náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao o Camiño de Santiago, científica, agrícola...) só tes que animarte a participar. Para máis información os interesados poden consultar a páxina web da Xunta de Galicia xuventude.net”.