REMATARON AS OBRAS DE LIMPEZA NOS RÍOS BAOS E BATÁN E PROXIMAMENTE SERÁN REPARADOS OS DANOS CAUSADOS POLAS CHUVIAS DO PASADO 3 DE DECEMBRO

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou o remate das obras de limpeza nos ríos Baos e Batán e que proximamente serán reparados os danos causados polas intensas chuvias do pasado 3 de decembro.

A rexedora municipal explicou que “remataron as obras que foron contratadas por Augas de Galicia, concretamente dende a Subdirección Xeral de Programación e Proxectos, para limpeza de marxes, retirada de madeira morta, arrastres de crecidas e atascos nos leitos de varias zona do río Baos e do Batán, que é afluente do anterior. Actuaron sobre seis quilómetros do río Batán e case tres quilómetros do Baos”.

Emma Álvarez tamén comentou que “queda por realizar o levantamento das vallas de protección da ponte do Seixo, que se atopa en Villapol. E posteriormente, xa con outra obra diferente para dar solución aos problemas causados polas chuvias do pasado 3 de decembro, queda que dende a Consellería de Medio Rural nos indiquen que día empezarán as obras que fará Seaga no noso concello. As máis urxentes son as do rego de Alvarón, onde caeu unha ponte e é necesario reconstruíla; tamén a coñecida como ponte de Gallardo, en San Adriano, e a escollera que hai á saída de Lourenzá, na coñecida como Ruta do Colesterol, que dá acceso á Tilleira, e a día de hoxe esa estrada está cortada”.