A XUNTA DE GOBERNO LOCAL APROBOU A SOLICITUDE DE LICENZA PRESENTADA POLA XUNTA PARA RESTAURAR A IGREXA DO MOSTEIRO DE SAN SALVADOR

O Concello de Lourenzá ven de aprobar na xunta de goberno local a solicitude de licenza presentada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, da Xunta de Galicia, para a realización de traballos consistentes na restauración da igrexa do Mosteiro de San Salvador.

As obras incluirán a restauración de carpinterías e ferraxes de reforzos metálicos, arranxos na nave da epístola e no muro sur, reposición da instalación eléctrica e actuacións para evitar entradas de augas nas naves laterais, entre outros traballos. O orzamento de execución material é de 237.999 euros.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, alégrase de que “en breve se vaian acometer esas obras xa que é unha intervención moi necesaria para a conservación da igrexa e do seu conxunto arquitectónico”.