O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL TRATARÁ MAÑÁ, MARTES, A DEDICACIÓN PARCIAL PARA A 2ª TENENCIA DE ALCALDÍA E CONCELLERÍA DE OBRAS, URBANISMO, INFRAESTRUTURAS E TRÁFICO

A corporación municipal de Lourenzá celebrará un pleno ordinario mañá, martes, día 31, ás 20:30 horas. Nesta sesión tratarase unha proposta da Alcaldía para o recoñecemento da dedicación parcial da segunda tenencia de alcaldía, que se ocupa das delegacións de Obras, Urbanismo, Infraestruturas e Tráfico.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que esa Concellería “é unha das que require maior dedicación e, sobre todo, unha maior presenza nos problemas e nas necesidades diarias dos cidadáns. Conscientes desta realidade e ante as constantes peticións dos veciños que requiren ter contacto co concelleiro de Obras, decidimos habilitar un día á semana para que este edil estea dispoñible para atender as demandas dos veciños. Entre outras tarefas, tamén será o encargado de contactar coas empresas madeireiras da zona e velar pola boa conservación e mantemento dos viarios municipais. O soldo bruto que percibirá será de 400 euros ao mes por unha dedicación parcial de 30 horas. Este soldo cóbrese na súa totalidade coa baixada de salario da alcaldesa; e, aínda así, séguese aforrando a totalidade do soldo que tiña o anterior tenente de alcalde. Seguimos cumprindo por tanto as nosas promesas e esperamos deste xeito emendar as carencias que poidamos ter no exercicio das nosas labores de goberno diarias e prestar un mellor servizo e unha mellor atención aos cidadáns de Lourenzá”.

A rexedora municipal tamén comentou que no pleno de mañá abordarse ademais, entre outros asuntos, o “exame e aprobación, se procede, da ordenanza fiscal reguladora da taxa por utilización da pista de padel do Concello, que esperamos entre en funcionamento o antes posible”.

Descargar orde do día en PDF