Enxeñeiros de Augas de Galicia visitaron a ponte sobre o río Batán no Camiño A e farán un informe para o seu arranxo. Mentres, un dos carrís quedará cortado ao tráfico e no outro seguirá prohibido o paso a vehículos de máis de 8 toneladas
Lourenzá, 8 de febreiro de 2013. Técnicos do ente autonómico Augas de Galicia visitaron esta mañá o municipio de Lourenzá para ver o estado no que se atopa a ponte sobre o río Batán na estrada coñecida como Camiño A, concretamente no lugar de Sendín, pertencente á parroquia de San Xorxe. Mentres elaboran un informe sobre os arranxos que precisa a ponte danada polo temporal do pasado mes de xaneiro un dos carrís do vial quedará cortado ao tráfico e polo outro seguirá prohibido o paso para vehículos de máis de 8 toneladas.