Novas

Novas do Concello

O concello recuperou a tradición da árbore de nadal despois de moitos anos e haberá unha megafonía con panxoliñas nas rúas de Vilanova

Lourenzá, 12 de decembro de 2012. O Concello de Lourenzá recuperou este ano a tradición de colocar unha árbore de Nadal xunto á casa consistorial despois de moitos anos sen facelo. Tamén se instalou un pequeno alumeado e nos vindeiros días porase en funcionamento unha megafonía con panxoliñas polas rúas de Vilanova, “todo con moita austeridade pola situación económica que estamos a vivir”, explicou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

Emma Álvarez fixo un balance moi positivo do encontro mantido esta mañá co presidente da Xunta

Lourenzá, 7 de decembro de 2012. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, fixo un balance moi positivo do encontro que mantivo en Santiago de Compostela co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Álvarez declarou: “non podo máis que facer un balance positivo. Na xuntanza falamos de distintos temas e comprometeuse con Lourenzá e cos laurentinos para tratar de buscarlles solucións”.

O Concello colabora coa Cruz Vermella na campaña de recollida de xoguetes para nenos de familias con escasos recursos. Haberá unha chocolatada solidaria o vindeiro xoves, día 13

Lourenzá, 06 de decembro de 2012. Por segundo ano consecutivo o Concello de Lourenzá colabora coa Cruz Vermella na campaña de recollida de xoguetes “a fin de que este Nadal todos os nenos da comarca poidan disfrutar dun agasallo, a poder ser dun xoguete”, segundo anunciou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

Axentes de Desenvolvemento Local da Mariña xuntáronse en Lourenzá para traballar nun proxecto para a xestión dos montes, que concluirá cunha visita a Trabada

Lourenzá, 04 de decembro de 2012. Representantes das axencias de desenvolvemento local (ADL) da Mariña xuntáronse onte, luns, no salón de actos do Concello de Lourenzá para seguir traballando nunha iniciativa sobre proxectos de xestión conxunta ou concentracións de propiedade de montes.

Na reunión estiveron o xefe do Servizo Provincial de Montes, Miguel Cela, e alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, que falaron da nova Lei de Montes e das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

A Alcaldesa viaxou a Portugal para ver plantacións de castaños e sistemas de recollida e comercialización do seu froito “en busca de alternativas para xerar riqueza e man de obra para o concello”

Lourenzá, 3 de decembro de 2012. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, participou nunha viaxe a Portugal organizada polo Concello de Palas de Rei para ver plantacións de castaños e a recollida do seu froito a semana pasada e hoxe explicou que “o motivo de ir eu nesta viaxe foi continuación dunha charla que tivemos no mes de novembro aquí no concello, que foi impartida polo secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia en busca de alternativas que poidan xerar riqueza e tamén man de obra no noso concello”.

A representación teatral do grupo do Taller de Memoria abarrotou o salón de actos da Casa de Cultura. A obra presentarase en Alfoz e intentarán volver escenificala en Lourenzá

Lourenzá, 3 de decembro de 2012. O salón de actos da casa de cultura de Lourenzá quedouse pequeno onte, domingo, para acoller á gran cantidade de público que se achegou para ver a representación teatral a cargo do grupo do taller de memoria. Por iso intentarán volver escenificala no municipio e tamén se presentará en Alfoz.

Ata o 5 de decembro está aberto o prazo de inscrición no programa Xuntos polo Nadal

Lourenzá, 26 de novembro de 2012. O Concello informa que ata o 5 de decembro está aberto o prazo para solicitar a participación no programa Xuntos polo nadal, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar. Dito programa quere que as persoas maiores residentes en Galicia e que polo Nadal se atopen soas, pasen estas datas acompañadas, polo que ofrece nunha estancia dende o 23 de decembro do 2012 ata o 1 de xaneiro do 2013 na residencia de tempo libre de Panxón (Nigrán) e na residencia de tempo libre de Carballiño (Ourense).

O Concello de Lourenzá xa leva recollidas máis de cen firmas contra a violencia de xénero

Lourenzá, 26 de novembro de 2012. Nas oficinas da Casa do Concello de Lourenzá seguen recollendo firmas ata este vindeiro venres para amosar a repulsa contra a violencia de xénero e xa hai máis de cen. Onte, domingo, o libro estivo na entrada do consistorio e a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, amosouse moi satisfeita pola resposta dos veciños, porque “homes e mulleres, rapaces e maiores firmaron xa en contra desta lacra social, que desgraciadamente non ten visos de rematar”.

Distribuir contido